martes, 16 de marzo de 2021

H I S T O R I C O


Hoxe no parlamento de Galicia falouse de mariñas Tradicionais, de patrimonio marítimo e da salvagarda do BIC das técnicas de construcción naval en madeira. A moción aprobada polo pleno do concello de Poio foi hoxe debatida na comisión de Pesca do parlamento, sendo aprobada por unanimidade con pequenas modificacións. Supoñemos que non é a primeira vez que o parlamento fala destas cousas, pero sí que é a primeira vez que o fan por iniciativa do CM A Reiboa. Só un paso máis no camiño, e seguimos agradecendo a colaboración das grupos políticos locais e do Concello de poio O texto íntegro que se pode ver nesta ligazón di "O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a: 1. Manter as condicións da autorización de ocupación do pantalán de embarcacións tradicionais que vén usando o Club Mariño A Reiboa no peirao da Chousa desde 2011, eximindo, polo tanto, a este Club do pago da taxa X5 ou que sexa bonificada no máximo legal. Para a aplicación desta exención ou bonificación terase en conta, con carácter provisional e mentres non se desenvolva o previsto no decreto 52/2019, o censo de embarcacións tradicionais da Federación Culturmar. 2. Adoptar as medidas oportunas para que no citado pantalán se poidan realizar en condicións de seguridade as actividades de divulgación que corresponden a una Mariña Tradicional. 3. Estender estas medidas a toda a rede de Mariñas Tradicionais en construción ou en proxecto na costa galega. 4. Desenvolver de maneira urxente e consensuada co sector o decreto 52/2019 pola que se declaran bens de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas de carpintaría de ribeira, en especial no tocante ao órgano de xestión para as medidas de salvagarda, que será quen determine os criterios para elaborar o censo de embarcacións tradicionais." O debate da comisión está na mediateca do Parlamento de Galicia

miércoles, 17 de febrero de 2021

Estamos de Baixón - A X5, Portos e máis nos

  Hoxe estamos de baixón. 

Rematábamos o ano 2020 coa concesión dunha subvención da Deputación de Pontevedra, rematando os traballos doutra subvención do GALP e coa aprobación por unanimidade no Concello de Poio dunha moción pedindo á Consellería de Cultura e Portos de Galicia que se defendese o pantalán de embarcacións tradicionais da Chousa e iniciando os trámites para a renovación en Portos da autorización de ocupación e uso do Pantalán, con toda a ilusión para materializar unha Mariña Tradicional. 

Parecía que o 2021 podía vir cheo de boas novas, pero onte chegounos una notificación de Portos de Galicia.

Comunicáronnos os recibos da tarifa X-5, a que levamos pelexando dende A Reiboa e dende Culturmar para que se bonifique ao máximo legal posible para as embarcacións tradicionais. Pois a famosa tarifa, para os tres barcos do club e para os dos socios amarrados no pantalán ascende a 250 € nun mes. Nin sequera aplicaron as bonificacións, pequenas, que xa están na propia lei de taxas de Galicia.

A tarifa X-5 xa é controvertida para os usuarios en xeral, pescadores profesionais e armadores de embarcacións de lecer, pois no noso caso con máis motivo, porque non pode ser que esteamos conservando o patrimonio, divulgando o coñecemento e a cultura mariñeira galega e teñamos que pagar impostos como calquera embarcación de lecer. Non pode ser. 3000€ ao ano para un pequeno club con dúas ducias de socios é un gasto inasumible. Isto sen saber aínda que condicións vai ter a nova autorización de uso do pantalán. Trememos só de pensalo.

Loxicamente, imos recorrer estas liquidacións, e mobilizarémonos todo o que poidamos, pero é desalentador. 

Queremos agradecer a disposición do Concello de Poio e de todos os partidos políticos da corporación a colaborar con nos en canto lles comunicamos a situación

Seguimos loitando


lunes, 20 de julio de 2020

A XXV Concentración de Embarcacións Tradicionais de Combarro- Poio, adiada a 2021


Nestas datas o CM A Reiboa estaría traballando arreo para a organización da XXV Concentración de Embarcacións Tradicionais de Combarro-Poio, pero este ano 2020 é excepcional, e non como a nós nos gustaría. 

As condicións que nos deixa a pandemia da COVID-19 fixeron que nos tivésemos que replantear a situación.


Para nos a Concentración que organizamos anualmente é algo máis que simplemente unha xuntanza de barcos, é un lugar de encontro coas persoas que manteñen vivas as embarcacións e as tradicións mariñeiras de Galicia. Temos amigos aos que, en moitos casos, recibimos de ano en ano cada agosto e aos que so vemos nos días da concentración. 

Deste xeito, organizar a concentración, e ademais unha tan sinalada como a vixésimo quinta, con medidas de distanciamento, uso obrigatorio de máscaras etc íanos impedir desfrutar do importante, que é o contacto humano, a amizade e o compañeirismo.

Polo tanto, non vimos outra opción que adiar a XXV Concentración de Embarcacións Tradicionais para o vindeiro ano. 

No 2021 estaremos con ánimos e forzas renovados xuntándonos con embarcacións e tripulacións de media Galicia e Portugal como cada ano.


Saúde e vento

lunes, 5 de agosto de 2019

XXIV Concentración de Embarcacións Tradicionais

E alá imos outro ano máis.

O 23, 24 e 25 de agosto terá lugar en Combarro a concentración de embarcacións tradicionais que organizamos no Club Mariño A Reiboa.

Como estes últimos anos estaremos acompañados polo Aramdiña Rock e a Festa do Mar


O programa da concentración é o seguinte

venres 23

17:00 Recepción de embarcacións
18:00 Apertura das exposicións
21:00 Cea tripulacións

sábado 24

11:00 Navegación libre
13:30 Visita ás Embarcacións
14:00 Xantar tripulacións
16:00 Reunión de Patróns
16:30 Regata da Pamplina a remos
17:00 Regata da Pamplina a vela
20:00 Visita ás embarcacións
21:30 Entrega de premios das regatas
22:00 Cea tripulacións

domingo 25

11:00 Navegación libre
14:00 Xantar das tripulacións
17:00 Despedida das embarcacións

Se tes unha embarcación tradicional e queres inscribirte contacta connosco en cmreiboa@gmail.com



jueves, 23 de mayo de 2019

XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

Parece que foi onte cando celebrábamos en Combarro o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia e xa temos aí o XIV Encontro.

O Encontro celebrarase no porto da Guarda, organizado por Culturmar, Piueiro, O Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello da Guarda, entre o 11 e o 14 de xullo


Xa está tamén dispoñible na web do XIV Encontro e na de Culturmar a ligazón para inscribir embarcacións.

Vémonos na Guarda

















lunes, 6 de agosto de 2018

XXIII Concentración de Embarcacións Tradicionais - Combarro - Poio

E van 23 edicións da concentración.

Este ano as datas son o 24, 25 e 26 de agosto


O programa deste ano é o seguinte

venres 24

17:00 Recepción de embarcacións
18:00 Apertura das exposicións
21:00 Cea tripulacións

sábado 25

10:30 Reunión de Patróns
11:00 Navegación libre
13:30 Visita ás Embarcacións
14:00 Xantar tripulacións
16:30 Regata da Pamplina a remos
17:00 Regata da Pamplina a vela
20:00 Visita ás embarcacións
21:30 Entrega de premios das regatas
22:00 Cea tripulacións

domingo 26

11:00 Navegación libre
14:00 Xantar das tripulacións
17:00 Despedida das embarcacións

Como nos úlitmos anos, compartimos datas coa Festa do Mar e co Armadiña Rock, polo que as actividades e a animación están garantizadas.

Se queres participar ou algunha outra información ponte en contacto connosco no correo cmreiboa@gmail.com ou na páxina de facebook https://www.facebook.com/AReiboa





jueves, 28 de junio de 2018

Mantemento dos barcos

Este ano entre acudir ao Festival Marítimo de Pasaia e que o tempo non acompañou comenzamos o mantemento dos barcos grandes máis tarde do acostumado.

O primeiro en ir ao carro é A Reiboa.

Xa a temos lixada esperando por a primeira man de protector de madeira.




Este ano iniciamos unha colaboración que agardamos dure moito tempo, Xylazel proporcionanos material para o mantemento das embarcacións. O primeiro que imos utilizar é o Xylazel Total IT-F para garantir a protección da madeira, daremos varias capas.

A capa final será con Xylazel Sol Satinado

Gracias a Xylazel polo asesoramento e colaboración

lunes, 7 de agosto de 2017

XXII CONCENTRACIÓN DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS - COMBARRO - POIO

Un ano máis, van 22, o CM A Reiboa organiza a Concentración de Embarcacións Tradicionais de Combarro - Poio.



Este ano o programa é o seguinte.

venres 25
17:00 Recepción de embarcacións
18:00 Apertura das exposicións
21:00 Cea tripulacións

sábado 26
10:30 Reunión de Patróns
11:00 Navegación libre
13:30 Visita ás Embarcacións
14:00 Xantar tripulacións
16:30 Regata da Pamplina a remos
17:00 Regata da Pamplina a vela
20:00 Visita ás embarcacións
21:30 Entrega de premios das regatas
22:00 Cea tripulacións

domingo 27
11:00 Navegación libre
14:00 Xantar das tripulación
17:00 Despedida das embarcacións

A Concentración coincide coa Festa do Mar e co Festival Armadiña Rock, co que o programa complétase coas actividades programadas polo Concello e a Asociación Armadiña.

Os interesados en participar poden porse en contacto co CM A Reiboa a través do correo cmreiboa@gmail.com, indicando o nome da embarcación, o tipo, eslora, tripulantes, data de chegada e os datos do propietario da embarcación

lunes, 31 de julio de 2017

XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia - Agradecementos

Xa pasadas varias semanas do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia toca facer un pequeno balance, pero sobre todo toca dar as gracias. Toca das as gracias a todalas asociacións, entidades e particulares que colaboraron e facilitaron a celebración do Encontro.

A modo de balance decir que en xeral o retorno que nos dan tanto os participantes como o público é bo, que a xente estivo cómoda e que o Encontro saiu ben. Sabemos que tivemos fallos e que cometemos erros, dos que tomamos nota e pedimos desculpas, en particular aos mariñeiros que nos cederon os seus amarres polos inconvintes que lles causamos e que esperamos corrixir.



En primeiro lugar hai que agradecer a presencia dos participantes, con barco e sen barco, o Encontro é a xente que participa nel. Tamén a aqueles que aportaron exposicións e mostras.

Por outra banda agradecer as entidades e asociacións localis que fixeron posible o Encontro. Temos que comenzar por quen nos prestou o seu espazo no porto de Combarro, Cofradía de pescadores, Asociación de Mexilloeiros e Porto Deportivo, sen vos no tería sido posible, este agradecemento é extensible a cada un dos armadores que moveu o seu barco e nos cedeu o seu amarre eses días.

O noso agradecemento a todas as asociacións que colaboraron coa organización do Encontro, A ACDM Armadiña, ACD Raxó, AVV Boureante, A Solaina, Ateneo Corredoira, Irmandade Illa de Tambo, Comunidade de Montes de Combarro, que nos prestaron locais, que atenderon tripulacións e que estiveron presentes durante todo o Encontro. Tamén temos que agradecerlle aos nosos compañeiros de Amigos da Dorna de Portonovo pola súa participación na montaxe das exposicións.



Ao CIP de Mosteiro en Meis, por deixarnos a súa cociña para a elaboración das comidas das tripulacións.

Temos que ter un agradecemento especial para a Policía Local de Poio e para a Agrupación de Protección Civil de Poio, sabemos o complexo que é organizar un evento deste tipo nunha localidade como Combarro, pero a súa disposición e o talante de cada un dos seus membros estivo sempre por riba do quebradeiros de cabeza que lles demos.



Queremos tamén recoñecer a colaboración dos locais de hostelería de Combarro que nos botaron unha man para facer posible o Encontro.

Non podíamos rematar sen agradecer o traballo individual de dúcias de voluntarios, que de xeito altruista fixeron co seu talante e bo humor que as tripulacións se sentiran na casa. Tamén aos socios do Club, que se deslomaron neses catro días para que A Reiboa dese no nivel preciso. Entre os voluntarios non podemos equecer a Pío e Toti, que cada dous anos volven a axudar que os participantes do Encontro se vaian ben alimentados.




domingo, 11 de junio de 2017

Comunicado de Culturmar sobre o incendio do estaleiro de Casqueiro en Moaña


Reproducimos o comunicado de CULTURMAR, a raíz do atentado contra o estaleiro de Casqueiro en Moaña:


A xunta directiva de CULTURMAR-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, en nome das máis de corenta entidades que a conforman, manifesta a súa absoluta condena e repulsa polo incendio, provocado segundo todos os indicios, do estaleiro de Casqueiro en Moaña.

O sucedido foi un atentado contra os veciños de Moaña porque puido haber danos persoais ou materiais máis alá dos sufridos polo estaleiro. Tamén foi un atentado contra o patrimonio cultural galego porque o ben destruído estaba en proceso de catalogación e polo tanto baixo a protección que esa figura outorga. E foi unha especie de desafío ao goberno galego porque foi executado horas despois de que a Consellería de Cultura publicase no DOG o inicio do proceso de declaración como ben de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

Reiteradamente viñemos manifestando nos últimos anos que as carpintarías de Casqueiro é Carlagho conforman un conxunto de elevado valor etnolóxico, de gran valor cultural e identitario, coa enriquecedora peculiaridade engadida de estaren hoxe inseridos no corazón urbano da vila.

Esta convicción levounos a emprender accións ante a Administración a fin de salvagardar os estaleiros a través da súa conservación íntegra e da súa rehabilitación co obxectivo de acubillar nas súas instalacións a actividade tradicional que lle é propia, construción e reparación de embarcacións tradicionais en madeira, completándoa con diversas actividades relacionadas coa cultura mariñeira. Actividades todas elas, que con esforzo comezara a desenvolver desde hai tempo a asociación Sueste.

Ante a retesía provocada pola construción do Paseo da Seara propugnamos e defendemos sempre a compatibilidade do remate do paseo coa preservación e funcionalidade de ambas carpinterías. Algo de sentido común e para o que non existe ningún impedimento técnico: conxugar salvagarda patrimonial con novos usos urbanísticos e necesidades veciñais.

A delongada loita pola preservación destes estaleiros moañeses levada a cabo por múltiples veciños e entidades de Moaña, e apoiada no resto do país por cantos defendemos o patrimonio e a cultura mariñeira, acadou finalmente eco na Dirección Xeral do Patrimonio que deu inicio hai máis dun ano á súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Casualmente, cunha iniciativa que levabamos anos reclamando, o mesmo departamento da Xunta publicaba no DOG unhas horas antes do salvaxe incendio o inicio do procedemento para declarar Bens de Interese Cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, coa consecuente elaboración do censo e rexistro, xunto cos barcos e mestres carpinteiros, das propias carpintarías. Infelizmente, talvez non sexa casual tal coincidencia no tempo.

Culturmar repudia, e espera que responda ante a xustiza, a man criminal que plantou lume ata arrasar o propio estaleiro e as embarcacións e outros bens que había no interior, poñendo mesmo en risco a veciñanza próxima.

Finalmente, facemos unha chamada ao diálogo pacífico e ao comportamento cívico da veciñanza de Moaña. E, agora máis ca nunca, convocamos á defensa do patrimonio e da cultura marítima.


lunes, 29 de mayo de 2017

Seis concertos durante o XIII Encontro

Seis concertos animarán as noites do Encontro de Combarro Susana Seivane, Caxade ou Agoraphobia compartirán protagonismo con charangas ou corais locais.

O comité organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo, reuniuse na pasada tarde de sábado para avanzar na configuración do cartel do evento. Serán catro xornadas nas que a música se presenta como o complemento perfecto para o extenso programa de actividades que está a piques de pecharse.



Durante o día, charangas, corais e agrupacións de música tradicional do entorno encargaranse de que o ritmo e o bo ambiente non decaian. E, xa ao caer o sol, o público poderá gozar da posta en escea de seis formacións da primeira liña da escena musical galega actual. Champurrada; Agoraphobia; Caxade; O Sonoro Maxín; As Tanxugueiras; e Susana Seivane; ofrecerán tres noites de fusión musical, punk, rock, indie e folk para todos os públicos. Cando falta pouco máis dun mes para o Encontro de Combarro, a xunta directiva e as asociacións recollidas baixo o paraugas de Culturmar continúan co intenso traballo de organización dun evento que traerá ata Poio arredor de 150 embarcacións tradicionais de Galicia, Portugal ou Euskadi. Para todos eles; así como para o numeroso público que se agarda que pase pola vila neses días; e, como non, para a propia veciñanza; tense deseñado unha completa programación que conxuga as saídas de navegación cun sinfín de actividades en terra, cunha pata ben asentada no eido musical.

A primeira xornada do Encontro culminará cunha noite do punk-rock máis actual, da man das bandas Champurrada e Agoraphobia. O venres sera a quenda para as músicas de fusión; grazas ao indie-folk de Caxade e aos ritmos da “Galicia tropical” do Sonoro Maxín. E, xa o sábado, a gaita da ben coñecida Susana Seivane e o trío de pandeiretas das Tanxugueiras porá a guinda.

Champurrada é un grupo nacido en Vilariño (Poio), co único obxectivo de facer que o seu público o pase ben e, de paso, eles tamén. A súa traxectoria musical arrincou arredor do ano 1996 e, “grazas a toda a xente que os segue apoiando, rexurdiron das súas cinzas no 2013”. As súas letras falan, a ritmo de rock e de xeito real, crú e sen tapuxos”, “sobre os temas cotiás, do día a día, do que lle pasa ao veciño ou das recomendacións que che botan os avós”.

Dende Boiro chegará Agoraphobia. Unha banda que pode presumir de ser unha das poucas formacións musicais integramente femininas do panorama actual. Con apenas 16 anos comezaron a dar renda solta ao seu gosto polo punk-rock e o rock alternativo; ata que no 2013 a banda consolídase. Nese ano gañan o Vodafone Yu Music Talent. Pronto son seleccionadas para participaren no festival South by Southwest de Texas, que achega o seu primeiro disco, “Dirty little things”, ao mercado americano. Pouco despois lánzanse á gravación do seu segundo disco: “Ready to play”. 

Caxade é o proxecto persoal de Aloxo Caxade. Mellor Artista nos XIII Premios Opinión; Premio Martín Códaz da Música; gañadora do Certame Música Xove; e representante galega no SUNS Europe 2015; trátase dunha formación folk-pop “cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela”, con doses de “surrealismo pos-modernista e un discurso reivindicativo, metafórico e irónico”. A formación, nacida en 2012, editou o seu primeiro traballo discográfico “A dança das moscas” ao ano seguinte. O seu segundo traballo, “E isto é o amor”, veu a luz en 2016. O Sonoro Maxín fórmase en Ourense no verán do 2007 a partir da xuntanza de músicos provintes dos grupos Lamatumbá e Cinnamon Gum. Entre 2008 e 2010 dan máis de 150 concertos pola xeografía galega e comparten esceario con Manu Chao & Radio Bemba Sound System; Shantel & Bucovina Club Orkestar; Tonino Carotone; Los Delincuentes; La Troba Kung-Fú; ou Che Sudaka. Tras unha xira por Portugal, ve a luz o seu primeiro disco: “A onda sonora”, de 2012, que chegou ata os escenarios do norte de Alemaña. A finais de 2016 inician a gravación do seu segundo traballo discográfico: “Sete e dezasete”. 

 Das Tanxugueiras “din os que saben que son as grandes promesas do trad feminino”. Sendo aínda unha incorporación recente ao panorama musical, o potente trío de voces e as pandeiretas de Sabela, Olaia e Aida téñense convertéronse recentemente nun éxito viral, grazas ás 200.000 visualizacións que recentemente acadou un vídeo dunha improvisación súa na zona de camerinos do festival folk Celtic Connections de Glasgow. 

De Susana Seivane pouco cabe explicar a estas alturas. Nacida en Barcelona e pertencente á recoñecida familia de gaiteiros e artesáns propietarios do Obradoiro de Gaitas Seivane, a gaiteira deuse a coñecer no 1999 co seu primeiro traballo discográfico e o a súa moderna posta en escena. Despois viñeron “Alma de buxo”; “Mares de tempo” , disco no que Seivane demostra tamén as súas aptitudes vocais; “Os soños que volven”; e a gravación en directo “Susana Seivane e amigos”. Actualmente está a piques de lanzar o seu quinto álbum, “que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade. Posiblemente, o disco máis intimista da gaiteira. Romántico, inspirador e tenro, creado para nenos e non tan nenos, pais e fillos de todas as idades”.

jueves, 18 de mayo de 2017

Comenzamos cos actos previos á celebración do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Conferencia a cargo de Bernardo Maiz: "O mar ha historia de Galiza".

Un percorrido, non exento de datos e anécdotas, sobre os principais feitos que condicionaron a nosa cultura, o noso xeito de entender o mar e como o ocupamos e vivimos.

Data e hora: venres 19, ás 19:30 horas

Lugar: Sexto edificio do Museo de Pontevedra, rua Padre Amoedo Carballo, 3.

Antes da conferencia farase unha breve presentación do XIII Encontro



viernes, 5 de mayo de 2017

Charla na Escola do Campo, sábado 13.




O sábado día 13, ás 19:30, na Escola do Campo de Combarro, teremos unha charla para ir contándolle aos veciños de Combarro e Poio o que é un Encontro, e como participar nel.

Estará alguen de Culturmar para contarnos que é o patrimonio marítimo, que é un Encontro, alguen do noso Club para explicar como se vai organizar o XIII Encontro, e algún voluntario de edicións anteriores para contarnos a súa experiencia


Tamén se proxectarán algún pequeno video e fotos de outras edicións.



jueves, 6 de abril de 2017

Voluntariado XIII Encontro

Un dos piares fundamentais para a organización dun evento como o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia é o traballo voluntario. Os voluntarios axudan na atención aos mariñeiros e embarcacións participantes, colaboran na instalación e demontaxe das infraestructuras, dan información aos visitantes, colaboran nos obradoiros e no Encontro Infantil.... Son tamén unha parte esencial de que cada unha das edicións do Encontro sexa distinta, o carácter, forma de ser e actitude de cada unha das vilas nas que se celebra o Encontro reflíctese na organización e na experiencia que viven os participantes e visitantes.


Pero o voluntariado tamén é unha forma de participar do Encontro, de vivilo dende dentro, de compartir experiencias e vivencias coas tripulacións que participan. Unha oportunidade de divertirse e de pasar uns días dun xeito diferente.

Na web do Encontro xa está dispoñible este formulario para que aqueles que queiran participar no voluntariado do Encontro se poidan anotar.

Apúntate! Non fai falla un compromiso polo Encontro enteiro, un día, dous, unhas horas, todas as mans son benvidas para levar a cabo un evento destas dimensións.

martes, 14 de marzo de 2017

Calendario de achiques 2017

Calendario de achiques dos barcos do club para o 2017 e principio do 2018


Como sempre quedará a estribor da páxina

jueves, 26 de enero de 2017

Reunión do Comité Organizador

O sábado 28 teremos reunión do Comité Organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

A reunión será as 17:00 horas na Escola do Campo de Combarro.

O Comité está aberto á participación de aquelas asociacións ou particulares que desexen colaborar coa organización do Encontro.

Se desexas participar na reunión ponte en contacto con nos no correo cmreiboa@gmail.com


viernes, 16 de diciembre de 2016

Sentir o Mar. Navegacións

Nas últimas edicións do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia reservouse unha xornada para achegar a navegación a persoas con discapacidade física e síquica. Estas xornadas denominanse "O Mar para Todos".

No XIII Encontro tamén terá o seu lugar esta xornada, pero nas xornadas de traballo do comité organizador decatámonos de que se podía ir un pouco máis alá, e así naceu "Sentir o Mar".

O proxecto "Sentir o Mar" pretende achegar a experiencia de navegar a vela nunha embarcación tradicional a persoas que non tiveran a oportunidade de facelo por causas de discapacidade, neste caso visual, e transmitir a todo aquel que queira descubrilo, cómo se vive o mar sen a experiencia visual a través de pezas, intervencións e/ou instalacións artísticas.

Este proxecto é promovido pola Asociación Socioeducativa e Cultural Dinamo, ao abeiro do XIII Encontro onde serán expostos os audiovisuais e as expresións artísticas que xurdan del. Colaboran a O.N.C.E., a Universidade de Vigo, o Clube Mariño A Reiboa, Culturmar e Combarromar.

O día 8 de decembro levouse a cabo a primeira fase do proxecto. Realizaronse tres navegacións nas que nove estudantes afiliados á ONCE tiveron a oportunidade de navegar no galeón Luisa.


Os mozos e mozas participantes ían acompañados de monitores da ONCE, dun patrón e dous mariñeiros da Reiboa. Participaba tamén Xavier Domínguez, profesor do centro de recursos educativos da ONCE en Pontevedra, persoa clave para artellar as navegacións e preparar o Luisa para recibir ás tripulacións desta xornada.




A experiencia foi documentada pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo co propósito de realizar un documental que será levado por tres centros educativos da contorna de Pontevedra, nas seguintes fases do proxecto.






Este pequeno video mostra algunha das experiencias nesta xornada de navegación. A montaxe é provisional e só a pomos a modo de adianto.


lunes, 8 de agosto de 2016

XXI Concentración de Embarcacións Tradicionais

Os días 26, 27 e 28 de agosto celebramos a XXI Concentración de Embarcacións Tradicionais, no porto de Combarro en Poio.




O programa da concentración é o seguinte

venres 26

17:00 Recepción de embarcacións
18:00 Apertura das exposicións
21:00 Cea tripulacións

sábado 27

10:30 Reunión de Patróns
11:00 Navegación libre
13:30 Visita ás Embarcacións
14:00 Xantar tripulacións
16:30 Regata da Pamplina a remos
17:00 Regata da Pamplina a vela
19:30 Visita ás embarcacións
20:30 Presentación do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia - Combarro 2017
21:00 Entrega de premios das regatas
22:00 Cea tripulacións

domingo 28

11:00 Navegación libre
14:00 Xantar das tripulacións
17:00 Despedida das embarcacións