Reproducimos o comunicado de CULTURMAR, a raíz do atentado contra o estaleiro de Casqueiro en Moaña:
A
xunta directiva de CULTURMAR-Federación Galega pola Cultura Marítima
e Fluvial, en nome das máis de corenta entidades que a conforman,
manifesta a súa absoluta condena e repulsa polo incendio, provocado
segundo todos os indicios, do estaleiro de Casqueiro en
Moaña.
O
sucedido foi un atentado contra os veciños de Moaña porque puido
haber danos persoais ou materiais máis alá dos sufridos polo
estaleiro. Tamén foi un atentado contra o patrimonio cultural galego
porque o ben destruído estaba en proceso de catalogación e polo
tanto baixo a protección que esa figura outorga. E foi unha especie
de desafío ao goberno galego porque foi executado horas despois de
que a Consellería de Cultura publicase no DOG o inicio do proceso de
declaración como ben de interese cultural do patrimonio inmaterial
as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.
Reiteradamente
viñemos manifestando nos últimos anos que as carpintarías de
Casqueiro é Carlagho conforman un conxunto de elevado valor
etnolóxico, de gran valor cultural e identitario, coa enriquecedora
peculiaridade engadida de estaren hoxe inseridos no corazón urbano
da vila.
Esta
convicción levounos a emprender accións ante a Administración a
fin de salvagardar os estaleiros a través da súa conservación
íntegra e da súa rehabilitación co obxectivo de acubillar nas
súas instalacións a actividade tradicional que lle é propia,
construción e reparación de embarcacións tradicionais en madeira,
completándoa con diversas actividades relacionadas coa cultura
mariñeira. Actividades todas elas, que con esforzo comezara a
desenvolver desde hai tempo a asociación Sueste.
Ante
a retesía provocada pola construción do Paseo da Seara propugnamos
e defendemos sempre a compatibilidade do remate do paseo coa
preservación e funcionalidade de ambas carpinterías. Algo de
sentido común e para o que non existe ningún impedimento técnico:
conxugar salvagarda patrimonial con novos usos urbanísticos e
necesidades veciñais.
A
delongada loita pola preservación destes estaleiros moañeses levada
a cabo por múltiples veciños e entidades de Moaña, e apoiada no
resto do país por cantos defendemos o patrimonio e a cultura
mariñeira, acadou finalmente eco na Dirección Xeral do Patrimonio
que deu inicio hai máis dun ano á súa inclusión no Catálogo do
patrimonio cultural de Galicia. Casualmente, cunha iniciativa que
levabamos anos reclamando, o mesmo departamento da Xunta publicaba no
DOG unhas horas antes do salvaxe incendio o
inicio do procedemento para declarar Bens de Interese Cultural
as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, coa
consecuente elaboración do censo e rexistro, xunto cos barcos e
mestres carpinteiros, das propias carpintarías. Infelizmente, talvez
non sexa casual tal coincidencia no tempo.
Culturmar
repudia, e espera que responda ante a xustiza, a man criminal que
plantou lume ata arrasar o propio estaleiro e as embarcacións e
outros bens que había no interior, poñendo mesmo en risco a
veciñanza próxima.
Finalmente,
facemos unha chamada ao diálogo pacífico e ao comportamento cívico
da veciñanza de Moaña. E, agora máis ca nunca, convocamos á
defensa do patrimonio e da cultura marítima.