domingo, 11 de junio de 2017

Comunicado de Culturmar sobre o incendio do estaleiro de Casqueiro en Moaña


Reproducimos o comunicado de CULTURMAR, a raíz do atentado contra o estaleiro de Casqueiro en Moaña:


A xunta directiva de CULTURMAR-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, en nome das máis de corenta entidades que a conforman, manifesta a súa absoluta condena e repulsa polo incendio, provocado segundo todos os indicios, do estaleiro de Casqueiro en Moaña.

O sucedido foi un atentado contra os veciños de Moaña porque puido haber danos persoais ou materiais máis alá dos sufridos polo estaleiro. Tamén foi un atentado contra o patrimonio cultural galego porque o ben destruído estaba en proceso de catalogación e polo tanto baixo a protección que esa figura outorga. E foi unha especie de desafío ao goberno galego porque foi executado horas despois de que a Consellería de Cultura publicase no DOG o inicio do proceso de declaración como ben de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

Reiteradamente viñemos manifestando nos últimos anos que as carpintarías de Casqueiro é Carlagho conforman un conxunto de elevado valor etnolóxico, de gran valor cultural e identitario, coa enriquecedora peculiaridade engadida de estaren hoxe inseridos no corazón urbano da vila.

Esta convicción levounos a emprender accións ante a Administración a fin de salvagardar os estaleiros a través da súa conservación íntegra e da súa rehabilitación co obxectivo de acubillar nas súas instalacións a actividade tradicional que lle é propia, construción e reparación de embarcacións tradicionais en madeira, completándoa con diversas actividades relacionadas coa cultura mariñeira. Actividades todas elas, que con esforzo comezara a desenvolver desde hai tempo a asociación Sueste.

Ante a retesía provocada pola construción do Paseo da Seara propugnamos e defendemos sempre a compatibilidade do remate do paseo coa preservación e funcionalidade de ambas carpinterías. Algo de sentido común e para o que non existe ningún impedimento técnico: conxugar salvagarda patrimonial con novos usos urbanísticos e necesidades veciñais.

A delongada loita pola preservación destes estaleiros moañeses levada a cabo por múltiples veciños e entidades de Moaña, e apoiada no resto do país por cantos defendemos o patrimonio e a cultura mariñeira, acadou finalmente eco na Dirección Xeral do Patrimonio que deu inicio hai máis dun ano á súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Casualmente, cunha iniciativa que levabamos anos reclamando, o mesmo departamento da Xunta publicaba no DOG unhas horas antes do salvaxe incendio o inicio do procedemento para declarar Bens de Interese Cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, coa consecuente elaboración do censo e rexistro, xunto cos barcos e mestres carpinteiros, das propias carpintarías. Infelizmente, talvez non sexa casual tal coincidencia no tempo.

Culturmar repudia, e espera que responda ante a xustiza, a man criminal que plantou lume ata arrasar o propio estaleiro e as embarcacións e outros bens que había no interior, poñendo mesmo en risco a veciñanza próxima.

Finalmente, facemos unha chamada ao diálogo pacífico e ao comportamento cívico da veciñanza de Moaña. E, agora máis ca nunca, convocamos á defensa do patrimonio e da cultura marítima.


No hay comentarios:

Publicar un comentario