lunes, 8 de agosto de 2016

XXI Concentración de Embarcacións Tradicionais

Os días 26, 27 e 28 de agosto celebramos a XXI Concentración de Embarcacións Tradicionais, no porto de Combarro en Poio.




O programa da concentración é o seguinte

venres 26

17:00 Recepción de embarcacións
18:00 Apertura das exposicións
21:00 Cea tripulacións

sábado 27

10:30 Reunión de Patróns
11:00 Navegación libre
13:30 Visita ás Embarcacións
14:00 Xantar tripulacións
16:30 Regata da Pamplina a remos
17:00 Regata da Pamplina a vela
19:30 Visita ás embarcacións
20:30 Presentación do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia - Combarro 2017
21:00 Entrega de premios das regatas
22:00 Cea tripulacións

domingo 28

11:00 Navegación libre
14:00 Xantar das tripulacións
17:00 Despedida das embarcacións


martes, 21 de junio de 2016

Encontro de Embaracións Tradicionais de Galicia

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG) vense celebrando bienalmente dende 1993. O EETG é convocado por Culturmar, e organizado conxuntamente por Culturmar, a entidade local a quen se lle encomenda e o Concello onde se ubica a vila na que se celebra.

A vindeira edición, a décimo terceira, celebrarase en Combarro-Poio entre os días 29 de xuño e 2 de xullo de 2017, organizado por Culturmar, o Concello de Poio e o CM A Reiboa



O EETG consiste principalmente nunha gran concentración de embarcacións tradicionais, entre cen e cento cincuenta, na que participan as asociacións que compoñen Culturmar e outras afíns, tanto de Galicia  como de Portugal, Irlanda, Francia, País Vasco, Cataluña, Andalucía, Levante ou Illas Baleares, así como particulares e institucións de interese cultural e patrimonial. É a maior concentración destas embarcacións que se celebra na Península Ibérica.

Acompañando esta concentración durante as catro xornadas, desenvólvense unha chea de actividades culturais e de lecer arredor do patrimonio e da cultura mariñeira: obradoiros, mostras, exposicións ou manifestacións artísticas diversas (música, teatro, danza, recitais de poesía, etc.)

A función principal dun EETG é pór de manifesto a riqueza do Patrimonio Marítimo e Fluvial Galego e a necesidade de conservalo e poñelo en valor. Por outra banda, serve para amosar o traballo de recuperación do patrimonio que realizan as asociacións e particulares.




É preciso subliñar un aspecto que non sempre é percibido en relación ao Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, e a todo o movemento a prol do património marítimo-fluvial: o seu potencial como elemento de dinamización das comunidades mariñeiras en sectores como a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, artesanía,... e sobre todo, na medida que se está a protexer, conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo e Fluvial Galego, estamos a potenciar os atractivos turísticos das comunidades da beiramar, axudando a un turismo sostible, tal e como recomendan os diversos proxectos en marcha da Comunidade Europea e o recente manifesto mundial dos museos co gallo da celebración do día mundial dos museos.




Un piar fundamental que fai de cada EETG algo único é o seu caracter  itinerante, o traballo de dinamización e de visibilización do patrimonio marítimo sería moito menos efectivo se o EETG tivese unha sede fixa. Por este motivo Culturmar optou pola itinerancia a fin de espallar o traballo de divulgación ao longo de toda a xeografía galega.

Por outra banda, esta itinerancia permite a participación na súa organización de entidades, asociacións e persoas da vila onde se celebra. O sistema de organización mediante unha comisión organizadora aberta e plural, permite reflectir en cada edición as singularidades propias de cada vila. 



Así dende o CM A Reiboa tentamos dar cabida á maior cantidade de entidades e asociacións do concello de Poio na comisión organizadora, para que o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia sexa de todos e reflicta o carácter e ideosincrasia propias de Poio e de Combarro en particular.

De maneira que animamos a todas as asociacións, entidades e particulares a participar nas próximas convocatorias da comisión organizadora do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a primeria das cales celebrarase o día 1 de xullo en lugar e hora aínda por fixar.

P.S.: Insertados no medio do texto deixamos varios vídeos das edicións celebradas do Encontro dende o 2001, cando se celebrou en Combarro. Así ésta será a primeira vez que o Encontro repita sede.



miércoles, 15 de junio de 2016

O XIII ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALICIA CELEBRARASE EN POIO

O CM A Reiboa, xunto con Culturmar e o Concello de Poio, será o encargado de organizalo XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará entre o 29 de xuño e o 2 de xullo do 2017.

Tras a primeira reunión entre Culturmar, Concello e CM A Reiboa, decidiuse que a constitución do comité organizador sería no Salón de Plenos do Concello de Poio, ás 20:00 horas do vindeiro venres 17 de xuño.

Este comité será o encargado de organizalo XIII Encontro e distribuirá o seu traballo en comisións.

A constitución do comité está aberta a todas aquelas asociacións, entidades e persoas que queiran participar na organización do Encontro ou nas distintas comisións que se creen.


lunes, 25 de enero de 2016

Calendario de Achiques

Este é o calendario de achiques dos barcos do club para o ano 2016. Pomos un par de meses do 2017 para que non haxa problemas no cambio de ano



Pómolo tamén a estribor da pantalla para que se poida consultar en calquera momento

lunes, 19 de octubre de 2015

Cadernas da historia: Arte e oficio da dorna

O documental Cadernas da historia. Arte e oficio da dorna, que tivemos a oportunidade de proxectar na XIX Concentración de Embarcacións Tradicionais, no verán de 2014, está agora dispoñible para o seu visionado a traves do youtube

Merece a pena adicarlle uns minutos


jueves, 30 de julio de 2015

XX CONCENTRACIÓN DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

Os días 21, 22 e 23 de agosto imos celebrar a XX Concentración de Embarcacións Tradicionais no porto de Combarro - Poio.


Este non é un ano máis, 20 anos non se cumplen cada ano, polo que engadimos algunhas cousas no noso programa habitual. O programa deste ano é o seguinte

Venres
17:00 Recepción das embarcacións
17:00 Apertura das exposicións na carpa mariñeira
20:00 proxección documental sobre os galeóns
21:00 Cea
Sabado
11:00 Apertura das exposicións na carpa mariñeira
11:30 Navegación
14:00 Xantar
16:30 Regata da Pamplina a remos
17:00 Regata da Pamplina a vela
20:00 Proxección documental sobre a recuperación da Marina
21:00 cea
Domingo
11:00 Apertura das exposicións na carpa mariñeira
11:30 Navegación e conmemoración do XX Concentración
14:00 Xantar
16:30 Despedida das embarcacións e peche da Concentración

Hai algunha cousa a maiores que está pendente de pechar e que iremos desvelando ao tempo que poidamos confirmalas





jueves, 28 de mayo de 2015

Turno do Luisa

Se estes días ata a prensa se fixo eco do lavado de cara da Boureante. Esta semana tocoulle o turno ao Luisa.

A dobre turno, xa que con esta nortada a madeira secábase e xa se veían as xuntas abertas a simple vista, douselle unha boa limpeza, desmontaronse todas as panas, pintouse a obra morta toda, douselle patente, algún clavo se repasou, e listo. Mañán ao mar