martes, 16 de marzo de 2021

H I S T O R I C O


Hoxe no parlamento de Galicia falouse de mariñas Tradicionais, de patrimonio marítimo e da salvagarda do BIC das técnicas de construcción naval en madeira. A moción aprobada polo pleno do concello de Poio foi hoxe debatida na comisión de Pesca do parlamento, sendo aprobada por unanimidade con pequenas modificacións. Supoñemos que non é a primeira vez que o parlamento fala destas cousas, pero sí que é a primeira vez que o fan por iniciativa do CM A Reiboa. Só un paso máis no camiño, e seguimos agradecendo a colaboración das grupos políticos locais e do Concello de poio O texto íntegro que se pode ver nesta ligazón di "O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a: 1. Manter as condicións da autorización de ocupación do pantalán de embarcacións tradicionais que vén usando o Club Mariño A Reiboa no peirao da Chousa desde 2011, eximindo, polo tanto, a este Club do pago da taxa X5 ou que sexa bonificada no máximo legal. Para a aplicación desta exención ou bonificación terase en conta, con carácter provisional e mentres non se desenvolva o previsto no decreto 52/2019, o censo de embarcacións tradicionais da Federación Culturmar. 2. Adoptar as medidas oportunas para que no citado pantalán se poidan realizar en condicións de seguridade as actividades de divulgación que corresponden a una Mariña Tradicional. 3. Estender estas medidas a toda a rede de Mariñas Tradicionais en construción ou en proxecto na costa galega. 4. Desenvolver de maneira urxente e consensuada co sector o decreto 52/2019 pola que se declaran bens de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas de carpintaría de ribeira, en especial no tocante ao órgano de xestión para as medidas de salvagarda, que será quen determine os criterios para elaborar o censo de embarcacións tradicionais." O debate da comisión está na mediateca do Parlamento de Galicia

miércoles, 17 de febrero de 2021

Estamos de Baixón - A X5, Portos e máis nos

  Hoxe estamos de baixón. 

Rematábamos o ano 2020 coa concesión dunha subvención da Deputación de Pontevedra, rematando os traballos doutra subvención do GALP e coa aprobación por unanimidade no Concello de Poio dunha moción pedindo á Consellería de Cultura e Portos de Galicia que se defendese o pantalán de embarcacións tradicionais da Chousa e iniciando os trámites para a renovación en Portos da autorización de ocupación e uso do Pantalán, con toda a ilusión para materializar unha Mariña Tradicional. 

Parecía que o 2021 podía vir cheo de boas novas, pero onte chegounos una notificación de Portos de Galicia.

Comunicáronnos os recibos da tarifa X-5, a que levamos pelexando dende A Reiboa e dende Culturmar para que se bonifique ao máximo legal posible para as embarcacións tradicionais. Pois a famosa tarifa, para os tres barcos do club e para os dos socios amarrados no pantalán ascende a 250 € nun mes. Nin sequera aplicaron as bonificacións, pequenas, que xa están na propia lei de taxas de Galicia.

A tarifa X-5 xa é controvertida para os usuarios en xeral, pescadores profesionais e armadores de embarcacións de lecer, pois no noso caso con máis motivo, porque non pode ser que esteamos conservando o patrimonio, divulgando o coñecemento e a cultura mariñeira galega e teñamos que pagar impostos como calquera embarcación de lecer. Non pode ser. 3000€ ao ano para un pequeno club con dúas ducias de socios é un gasto inasumible. Isto sen saber aínda que condicións vai ter a nova autorización de uso do pantalán. Trememos só de pensalo.

Loxicamente, imos recorrer estas liquidacións, e mobilizarémonos todo o que poidamos, pero é desalentador. 

Queremos agradecer a disposición do Concello de Poio e de todos os partidos políticos da corporación a colaborar con nos en canto lles comunicamos a situación

Seguimos loitando


lunes, 20 de julio de 2020

A XXV Concentración de Embarcacións Tradicionais de Combarro- Poio, adiada a 2021


Nestas datas o CM A Reiboa estaría traballando arreo para a organización da XXV Concentración de Embarcacións Tradicionais de Combarro-Poio, pero este ano 2020 é excepcional, e non como a nós nos gustaría. 

As condicións que nos deixa a pandemia da COVID-19 fixeron que nos tivésemos que replantear a situación.


Para nos a Concentración que organizamos anualmente é algo máis que simplemente unha xuntanza de barcos, é un lugar de encontro coas persoas que manteñen vivas as embarcacións e as tradicións mariñeiras de Galicia. Temos amigos aos que, en moitos casos, recibimos de ano en ano cada agosto e aos que so vemos nos días da concentración. 

Deste xeito, organizar a concentración, e ademais unha tan sinalada como a vixésimo quinta, con medidas de distanciamento, uso obrigatorio de máscaras etc íanos impedir desfrutar do importante, que é o contacto humano, a amizade e o compañeirismo.

Polo tanto, non vimos outra opción que adiar a XXV Concentración de Embarcacións Tradicionais para o vindeiro ano. 

No 2021 estaremos con ánimos e forzas renovados xuntándonos con embarcacións e tripulacións de media Galicia e Portugal como cada ano.


Saúde e vento

lunes, 5 de agosto de 2019

XXIV Concentración de Embarcacións Tradicionais

E alá imos outro ano máis.

O 23, 24 e 25 de agosto terá lugar en Combarro a concentración de embarcacións tradicionais que organizamos no Club Mariño A Reiboa.

Como estes últimos anos estaremos acompañados polo Aramdiña Rock e a Festa do Mar


O programa da concentración é o seguinte

venres 23

17:00 Recepción de embarcacións
18:00 Apertura das exposicións
21:00 Cea tripulacións

sábado 24

11:00 Navegación libre
13:30 Visita ás Embarcacións
14:00 Xantar tripulacións
16:00 Reunión de Patróns
16:30 Regata da Pamplina a remos
17:00 Regata da Pamplina a vela
20:00 Visita ás embarcacións
21:30 Entrega de premios das regatas
22:00 Cea tripulacións

domingo 25

11:00 Navegación libre
14:00 Xantar das tripulacións
17:00 Despedida das embarcacións

Se tes unha embarcación tradicional e queres inscribirte contacta connosco en cmreiboa@gmail.com



jueves, 23 de mayo de 2019

XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

Parece que foi onte cando celebrábamos en Combarro o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia e xa temos aí o XIV Encontro.

O Encontro celebrarase no porto da Guarda, organizado por Culturmar, Piueiro, O Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello da Guarda, entre o 11 e o 14 de xullo


Xa está tamén dispoñible na web do XIV Encontro e na de Culturmar a ligazón para inscribir embarcacións.

Vémonos na Guarda

















lunes, 6 de agosto de 2018

XXIII Concentración de Embarcacións Tradicionais - Combarro - Poio

E van 23 edicións da concentración.

Este ano as datas son o 24, 25 e 26 de agosto


O programa deste ano é o seguinte

venres 24

17:00 Recepción de embarcacións
18:00 Apertura das exposicións
21:00 Cea tripulacións

sábado 25

10:30 Reunión de Patróns
11:00 Navegación libre
13:30 Visita ás Embarcacións
14:00 Xantar tripulacións
16:30 Regata da Pamplina a remos
17:00 Regata da Pamplina a vela
20:00 Visita ás embarcacións
21:30 Entrega de premios das regatas
22:00 Cea tripulacións

domingo 26

11:00 Navegación libre
14:00 Xantar das tripulacións
17:00 Despedida das embarcacións

Como nos úlitmos anos, compartimos datas coa Festa do Mar e co Armadiña Rock, polo que as actividades e a animación están garantizadas.

Se queres participar ou algunha outra información ponte en contacto connosco no correo cmreiboa@gmail.com ou na páxina de facebook https://www.facebook.com/AReiboa





jueves, 28 de junio de 2018

Mantemento dos barcos

Este ano entre acudir ao Festival Marítimo de Pasaia e que o tempo non acompañou comenzamos o mantemento dos barcos grandes máis tarde do acostumado.

O primeiro en ir ao carro é A Reiboa.

Xa a temos lixada esperando por a primeira man de protector de madeira.




Este ano iniciamos unha colaboración que agardamos dure moito tempo, Xylazel proporcionanos material para o mantemento das embarcacións. O primeiro que imos utilizar é o Xylazel Total IT-F para garantir a protección da madeira, daremos varias capas.

A capa final será con Xylazel Sol Satinado

Gracias a Xylazel polo asesoramento e colaboración