martes, 16 de marzo de 2021

H I S T O R I C O


Hoxe no parlamento de Galicia falouse de mariñas Tradicionais, de patrimonio marítimo e da salvagarda do BIC das técnicas de construcción naval en madeira. A moción aprobada polo pleno do concello de Poio foi hoxe debatida na comisión de Pesca do parlamento, sendo aprobada por unanimidade con pequenas modificacións. Supoñemos que non é a primeira vez que o parlamento fala destas cousas, pero sí que é a primeira vez que o fan por iniciativa do CM A Reiboa. Só un paso máis no camiño, e seguimos agradecendo a colaboración das grupos políticos locais e do Concello de poio O texto íntegro que se pode ver nesta ligazón di "O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a: 1. Manter as condicións da autorización de ocupación do pantalán de embarcacións tradicionais que vén usando o Club Mariño A Reiboa no peirao da Chousa desde 2011, eximindo, polo tanto, a este Club do pago da taxa X5 ou que sexa bonificada no máximo legal. Para a aplicación desta exención ou bonificación terase en conta, con carácter provisional e mentres non se desenvolva o previsto no decreto 52/2019, o censo de embarcacións tradicionais da Federación Culturmar. 2. Adoptar as medidas oportunas para que no citado pantalán se poidan realizar en condicións de seguridade as actividades de divulgación que corresponden a una Mariña Tradicional. 3. Estender estas medidas a toda a rede de Mariñas Tradicionais en construción ou en proxecto na costa galega. 4. Desenvolver de maneira urxente e consensuada co sector o decreto 52/2019 pola que se declaran bens de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas de carpintaría de ribeira, en especial no tocante ao órgano de xestión para as medidas de salvagarda, que será quen determine os criterios para elaborar o censo de embarcacións tradicionais." O debate da comisión está na mediateca do Parlamento de Galicia

miércoles, 17 de febrero de 2021

Estamos de Baixón - A X5, Portos e máis nos

  Hoxe estamos de baixón. 

Rematábamos o ano 2020 coa concesión dunha subvención da Deputación de Pontevedra, rematando os traballos doutra subvención do GALP e coa aprobación por unanimidade no Concello de Poio dunha moción pedindo á Consellería de Cultura e Portos de Galicia que se defendese o pantalán de embarcacións tradicionais da Chousa e iniciando os trámites para a renovación en Portos da autorización de ocupación e uso do Pantalán, con toda a ilusión para materializar unha Mariña Tradicional. 

Parecía que o 2021 podía vir cheo de boas novas, pero onte chegounos una notificación de Portos de Galicia.

Comunicáronnos os recibos da tarifa X-5, a que levamos pelexando dende A Reiboa e dende Culturmar para que se bonifique ao máximo legal posible para as embarcacións tradicionais. Pois a famosa tarifa, para os tres barcos do club e para os dos socios amarrados no pantalán ascende a 250 € nun mes. Nin sequera aplicaron as bonificacións, pequenas, que xa están na propia lei de taxas de Galicia.

A tarifa X-5 xa é controvertida para os usuarios en xeral, pescadores profesionais e armadores de embarcacións de lecer, pois no noso caso con máis motivo, porque non pode ser que esteamos conservando o patrimonio, divulgando o coñecemento e a cultura mariñeira galega e teñamos que pagar impostos como calquera embarcación de lecer. Non pode ser. 3000€ ao ano para un pequeno club con dúas ducias de socios é un gasto inasumible. Isto sen saber aínda que condicións vai ter a nova autorización de uso do pantalán. Trememos só de pensalo.

Loxicamente, imos recorrer estas liquidacións, e mobilizarémonos todo o que poidamos, pero é desalentador. 

Queremos agradecer a disposición do Concello de Poio e de todos os partidos políticos da corporación a colaborar con nos en canto lles comunicamos a situación

Seguimos loitando